Un dos grupos máis diversos, e ao mesmo tempo máis descoñecidos, en Galicia son os fungos. Tan só aqueles que aparecen no outono, cun certo interese gastronómico e/ou de grande tamaño (cogomelos), son coñecidos pola cidadanía en xeral. Pero… que acontece con eses fungos de menor talla, sen corpos frutíferos aparentes ou cunha fenoloxía “non outonal”?

Esta saída está enfocada precisamente a descubrir fungos (ascomicetos, basidiomicetos e mixomicetos) de aparición primaveral, da man de Raquel Poncini, da Asociación Micolóxica Coruñesa. Terá lugar no val do río Ouro, no concello de Alfoz, un espazo de grande riqueza natural e cultural, o sábado, 24 de maio de 2025, de 10:00 a 13:30 h.

A actividade enmárcase nun proxecto máis amplo que busca coñecer, valorar e protexer a biodiversidade deste territorio único, grazas ao apoio de Golden Valley Galicia Verde.

As prazas son limitadas e de balde. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. Para poder asistir tes que inscribirte neste formulario:

 

É importante que lembres que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa. Non se admitirán na actividade a persoas non apuntadas. Todos os participantes recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade. 

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Vén con nós a descubrir os fungos primaverais!!