O próximo mércores 6 de novembro de 2024, “Falando de natureza” trae unha nova charla en liña onde exploraremos o misterioso e fascinante mundo dos artrópodos da man de Fernando Cortés-Fossati, investigador e divulgador científico que nos achegará ao lado máis sorprendente destes animais que celebran o Halloween de forma continua no seu día a día.
Fernando Cortés-Fossati é un experto en artrópodos cunha traxectoria destacada no ámbito da ecoloxía e da evolución. Na actualidade, forma parte do Grupo de Ecoloxía Evolutiva da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid e da Rede Europea de Estudo de Velenos (EUVEN), onde centra as súas investigacións na ecotoxicoloxía e no comportamento dos artrópodos, especialmente daqueles que posúen toxinas, como as arañas. Cortés-Fossati é tamén un activo divulgador científico que comparte o seu coñecemento en redes sociais e participa en diversos eventos de divulgación, medios de comunicación e plataformas en liña, inspirando a curiosidade científica en públicos de todas as idades.
Este ano, publicou o libro Mucho más que bichos, onde achéganos ao extraordinario mundo dos artrópodos, seres esenciais e misteriosos que desafían a imaxinación. Dende escorpións prehistóricos ata arañas mestras do camuflaxe, este libro é unha ventá á biodiversidade oculta, que pide ser comprendida e protexida.
Na charla “El mundo de los Artrópodos, donde Halloween se celebra a diario”, descubriremos como estes pequenos habitantes do noso planeta empregan estratexias sorprendentes para sobrevivir, desde o uso de velenos ata tácticas de camuflaxe e comportamentos únicos que os converten en verdadeiros mestres da adaptación. Cortés-Fossati compartirá connosco os segredos detrás de arañas, escorpións e outros artrópodos que espertan medo e fascinación a partes iguais, abríndonos a porta a un universo natural que merece ser coñecido e respectado.
Non perdas esta oportunidade de escoitar a un experto de primeira man e mergullarte no fascinante mundo dos artrópodos, onde o extraordinario forma parte do cotián.
Se queres participar como público poderás conectar libremente a través das nosas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia, un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.
Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 13 50 14
Agardámoste!

Leave A Comment