Cada 11 de febreiro conmemoramos o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, un día para lembrar que a ciencia tamén ten nome de muller, visibilizar as barreiras que aínda existen e inspirar ás nenas a soñar e crear no mundo da ciencia.

Con este motivo, o vindeiro venres, 20 de febreiro de 2026, ás 20h, terá lugar no local do G.N. Hábitat un coloquio arredor de Feminismos e Ciencia. Teremos a sorte de contar con compañeiras como a Dra. María José Servia, a Dra. Vanessa Valdiglesias, a doctoranda Yaiza R. Lueje e a alumna do Grao en Bioloxía, Sabela Tubio.

Nesta conversa analizaremos e cuestionaremos as desigualdades estruturais presentes no ámbito científico, así como as dificultades, resistencias e loitas que moitas mulleres científicas comparten. Será tamén unha oportunidade para reivindicar referentes, promover vocacións científicas entre as nenas e avanzar cara a unha ciencia máis xusta, diversa e inclusiva.

Convidámoste a participar neste espazo de encontro, diálogo e reflexión para escoitar as voces de tódalas  mulleres que viven e constrúen a ciencia.

As prazas son limitadas. Para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat.

Todos os participantes contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014