Desde o mes de xaneiro, os sucesivos trens de borrascas atlánticas que afectaron a Galicia provocaron un episodio de mortalidade excepcional de aves mariñas ao longo do noso litoral.

Nas últimas semanas detectáronse arredor de 2.000 exemplares de arao papagaio (Fratercula arctica ou frailecillo atlántico) mortos ou moribundos, especialmente no tramo comprendido entre Fisterra e Baiona. Tamén se rexistraron varios centos de cadáveres desta especie en praias das Rías Altas e do Cantábrico. Xunto aos araos papagaios, apareceron decenas de gaivotas tridáctilas (Rissa tridactyla) e araíños atlánticos (Alle alle), así como un número menor de araos carolos (Alca torda), araos dos cons (Uria aalge) e paíños europeos (Hydrobates pelagicus), que sucumbiron ás tempestades.

Posibles causas

A causa última deste episodio está aínda por determinar. Non obstante, algúns exemplares examinados (algúns deles predados posteriormente por gaivotas ou raposos) non presentaban reservas graxas e amosaban unha marcada perda de masa muscular, o que suxire morte por inanición e/ou hipotermia tras varios días de temporais intensos.

Nos últimos días tamén se detectou presenza de chapapote na costa das Rías Baixas, e rexistráronse aves manchadas de fuel, polo que non se pode descartar que unha parte da mortalidade estea relacionada con esta circunstancia.

Así mesmo, descoñécese ata que punto o actual gromo de gripe aviaria de alta patoxenicidade puido afectar ás poboacións destas especies.

Como colaborar na recollida de datos

O Grupo Naturalista Hábitat, en coordinación con outras entidades, participa desde o mes de xaneiro na contabilidade e seguimento deste episodio de mortalidade. O pasado 7 de febreiro realizamos un primeiro chamamento ás persoas socias para colaborar na revisión de praias.

Se desexas participar, agradecemos que sigas estas recomendacións:

Antes de saír ao campo:

  • Lembra que nos atopamos en alerta a nivel estatal pola presenza de gripe aviaria de alta patoxenicidade, un virus moi contaxioso.
  • Asegúrate de que o teu teléfono móbil teña batería suficiente e espazo dispoñible para facer fotografías.
  • Recoméndase acudir en parella e ir convenientemente abrigados.
  • Consulta previamente as alertas meteorolóxicas. Con alerta laranxa ou vermella por fenómenos costeiros non se debe acudir á praia. En ningún caso se debe acceder a zonas rochosas co mar batendo.
  • É preferible realizar as visitas con marea baixa ou mediada.

Durante a visita:

  • Non leves o can. As praias son espazos fundamentais para a alimentación, repouso e mesmo cría de aves acuáticas. Ademais de provocar molestias, existe o risco de contacto con aves enfermas ou debilitadas.
  • Se atopas un cadáver, non o manipules nin o toques, xa que podería ser portador do virus da influenza aviaria.
  • Realiza fotografías da ave completa e un detalle da cabeza.
  • Comproba visualmente se porta algunha anela identificativa na pata.

Posteriormente, introduce os datos no formulario habilitado polo Grupo Naturalista Hábitat (a información será compartida con outros colectivos que están a realizar o mesmo labor de seguimento):

 

Aviso de aves vivas debilitadas: 

Se atopas unha ave mariña viva pero en estado débil, contacta co Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da provincia correspondente:

  • A Coruña: CRFS Santa Cruz, Oleiros (881 960 405 / 686 597 745).
  • Lugo: CRFS O Veral, Lugo (982 828 441 / 649 668 923).
  • Pontevedra: CRFS Carballedo, Cerdedo-Cotobade (886 206 919 / 606 656 017).

Se non consegues contactar, chama a Protección Civil do teu concello ou ao 112.

Para calquera dúbida, podes contactar connosco no 981 13 50 14.