Comezamos coa primeira xornada no marco da iniciativa Falando de natureza. Nesta ocasión, da man de Atocha Ramos, Damián Romay, Santiago Vázquez e Ricardo Ferreiro, compañeiros de Hábitat, biólogos e naturalistas de ampla experiencia, falaremos de cuestións relativas á biodiversidade nestes tempos de confinamento que nos toca vivir. Como podemos achegarnos á natureza dende os nosos fogares? Precisa a fauna silvestre da nosa intervención nesta situación excepcional?, Como se están a comportar as especies unha vez reducida a interacción conosco? Moitas preguntas xorden agora que a liberdade de movementos da poboación atópase condicionada. Procuraremos arroxar luz nalgunha delas, nesta conversa que agardamos sexa do teu interese.

Información para a participación a través de videoconferencia

A plataforma utilizada por Hábitat para o desenvolvemento desta videoconferencia será Meet, ferramenta de goolge que permite esta opción remota. Se estás interesado en gozar do faladoiro como público, poderás facelo libremente e conectarte á emisión en directo, sen necesidade de facer rexistro algún nin ter conta en google. Unicamente terás que facer “click” no botón de acceso á videoconferencia que atoparás ao final desta noticia, e que che permitirá enlazar directamente ao faladoiro. 

Así e todo, tendo presente que este formato virtual permitirá integrarse como público un gran volume de xente, e co gallo de optimizar o correcto desenvolvemento da xornada, pregamos que teñas en conta as seguintes 

Normas básicas de participación nas videoconferencias a través de Meet

  1. – Accede nos tempos establecidos.

As conexións do público comezarán 15 minutos antes da hora de inicio do faladoiro. Neste espazo de tempo todos os interesados poderán acceder libremente. Unha vez comezado o faladoiro non se aceptarán máis entradas, a fin de minimizar as posibilidades de interrupción.

  1. – Apaga o teu micrófono en canto conectes. O vídeo, á túa elección.

En cada faladoiro serán os convidados (intervenientes) os que, a micrófono aberto, debatirán sobre o tema en cuestión, podendo ser escoitados por todo o público. Apagando o teu micrófono axudarás a minimizar as posibles interrupcións na conversa. 

No correspondente ao vídeo (imaxe), queda a túa elección decidir se queres ou non desactivalo, xa que non afectará ao normal desenvolvemento do faladoiro. Con ou sen él poderás ver e escoitar igualmente aos convidados.

Unha vez establecida a conexión, as iconas correspondentes para activar/desactivar audio e vídeo poderás atopalas na parte inferior da pantalla do teu dispositivo, coa seguinte simboloxía:

  1. – Se queres facer consultas, utiliza o chat

No transcurso do faladoiro o público asistente poderá indicar se quere facer algunha consulta aos intervenientes, indicándoo a través do chat que está dispoñible dende a mesma videochamada. A icona correspondente poderás atopala na parte superior da pantalla do teu dispositivo, coa seguinte simboloxía:

Rematado o faladoiro un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades ás peticións de consulta achegadas polo chat. De ser o caso, o moderador poderá ceder a palabra á persoa do público para que esta poida facer a súa consulta co micrófono aberto, ou ben procederá á lectura das consultas enviadas polo chat.

Dende o G.N.Hábitat agardamos a vosa comprensión por calquera complicación que puidera xurdir no transcurso dos faladoiros. Traballaremos en base á experiencia, procurando resolver as eivas detectadas e mellorando día a día para facer deste formato un recurso áxil e dinámico, que nos permita achegar a natureza a todas as vosas casas.

Acceso á videoconferencia

Conexións do público a partir das 20:15h

Comezo do faladoiro ás 20:30h

E por se o prefires, dende Hábitat habilitamos tamén a posibilidade de conexión en directo a través da nosa canle youtube!