O 8 de outubro conmemórase o Día Internacional do Polbo, unha data que nos invita a achegarnos a un dos animais máis fascinantes do medio mariño. Por este motivo, desde GN Hábitat organizamos o faladoiro en liña “O polbo, un animal extraordinario”, no que descubriremos máis sobre a súa bioloxía, o seu comportamento e as sorprendentes capacidades que fan del un animal tan singular.

O polbo é un molusco cefalópodo, é dicir, un animal cos “pés na cabeza”. Ten oito brazos fortes e flexibles, cubertos de ventosas que lle permiten explorar a contorna, manipular obxectos e atopar alimento. Estas ventosas son tamén moi sensibles ao tacto e aos estímulos químicos, e forman parte dun sistema sensorial extraordinario que se suma á súa capacidade para cambiar de cor e camuflarse, resolver problemas e interactuar coa contorna.

Para descubrir máis sobre este fascinante animal contaremos con Lucía Martínez Yebra, oceanógrafa e bióloga mariña. A súa especialización nos cefalópodos, xunto coa súa experiencia como divulgadora científica e ambiental e guía do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, permitirannos coñecer máis de preto estes animais e descubrir algúns dos seus segredos.

O faladoiro, de balde e aberto ao público, será o luns 5 de outubro do 2026, ás 20:00 h, en formato online a través das nosas canles habituais. A participación online non require inscrición previa, sendo posible conectarse libremente a través do directo.

Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e pola Xunta de Galicia. 

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate a coñecer mellor o polbo!