A chegada de novas especies exóticas invasoras ao medio mariño supón unha ameaza para os ecosistemas costeiros e tamén para as actividades que dependen deles. Entre elas, atópase a alga asiática Rugulopteryx okamurae, unha especie que xa está a provocar importantes impactos ecolóxicos e económicos en diferentes zonas da Península Ibérica.
Por este motivo, organizamos unha xornada de especial interese para o sector pesqueiro e marisqueiro, así como para veciñanza con interese no medio natural, coa finalidade de dar a coñecer esta especie, a súa situación en Galicia e a importancia da súa detección temperá.
Será o martes 6 de outubro de 2026 ás 19:00 h en formato en liña a través das nosas canles habituais. A participación online non require inscrición previa, sendo posible conectarse libremente a través do directo.
Contará coa participación de membros de CRETUS e do Grupo de Investigación BIOAPLIC da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que están a traballar con esta especie no marco do proxecto ALGASDET, centrado na detección temperá de Rugulopteryx okamurae.
Durante o faladoiro abordaranse cuestións como a identificación de Rugulopteryx okamurae para diferenciala doutras algas presentes no noso litoral, cal é a súa situación actual en Galicia e no Golfo Ártabro, que se coñece sobre a súa distribución e evolución, os impactos ecolóxicos e económicos que pode provocar esta especie invasora e como actuar ante unha posible detección.
Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e pola Xunta de Galicia.
Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
Coidar dos mares depende de todos nós!

Leave A Comment