Coa chegada das chuvias do outono, os anfibios comezan a recuperar a súa actividade e a desprazarse cara ás zonas de reprodución, despois de varios meses de menor movemento debido ás condicións máis secas.
Este período é especialmente importante para estes animais, xa que moitas especies realizan desprazamentos cara ás masas de auga nas que se reproducen, quedando en ocasións expostas a diferentes ameazas durante os seus movementos.
Por este motivo, desde o Grupo Naturalista Hábitat organizamos unha nova xornada de Hábitat Protexe o vindeiro sábado, 14 de novembro, de 19:30 a 22:00 h, no contorno do río Brexa, en Carral.
Durante a actividade achegarémonos á realidade dos anfibios nesta época do ano, coñecendo os seus desprazamentos, os seus hábitats e a importancia de conservar os lugares de reprodución. Será tamén unha oportunidade para observar estes animais no seu medio natural e coñecer algunhas das ameazas ás que se enfrontan.
Nesta xornada contaremos coa colaboración de Brexa, Asociación de Custodia do Territorio, entidade comprometida coa conservación e custodia do territorio, coa que compartiremos esta actividade de coñecemento e protección da biodiversidade local.
Coñecer os anfibios e comprender as súas necesidades é fundamental para contribuír á súa conservación e á protección dos ecosistemas dos que forman parte.
A actividade terá unha cota de inscrición e o recadado nestas accións destinarase á Custodia do Territorio e á Defensa Ambiental a través do Proxecto Vixías. Con esta iniciativa queremos seguir loitando con máis forza para protexer os nosos espazos naturais e a biodiversidade das constantes perturbacións ás que están sometidos.
Prezos:
- Socios/as do G.N. Hábitat:
- Menores de 18 anos: 5 €
- Maiores de 18 anos: 8 €
- Non socios/as do G.N. Hábitat:
- Menores de 18 anos: 8 €
- Maiores de 18 anos: 10 €
Para participar é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment