Desde o Grupo Naturalista Hábitat organizamos un novo ciclo de obradoiros teóricos e prácticos para afondar na identificación de aves, co título “Ornitoloxía 2.0”. A partir deste mes de novembro, e con carácter mensual, seleccionaranse grupos de aves de identificación complexa. Cada obradoiro combinará unha charla teórica cunha saída práctica ao campo, na que poderemos poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Comezaremos o xoves, 19 de novembro do 2026, ás 20h no local social de Hábitat, coa charla “Ornitoloxía 2.0: identificación avanzada de limícolas”, abordaranse aspectos como o datado e o sexado, os patróns de muda, as vocalizacións e a etoloxía en diferentes grupos de limícolas, como mazaricos, fuselos, píllaras, pilros e biluricos, entre outras. Para a sesión práctica, que terá lugar o sábado, 21 de novembro, de 9:30 a 13h, achegarémonos á ría do Burgo, e coa axuda de prismáticos e telescopios, observaremos e identificaremos as especies presentes na zona. As datas escollidas coinciden co período de transición entre o remate da migración postnupcial e o inicio da invernada, polo que teremos a oportunidade de observar aves en diferentes estados de muda.

O importe conxunto da sesión teórica e práctica será o seguinte:

    • Socios/as G.N. Hábitat, maiores de 14 anos: 15€
    • Non socios/as G.N. Hábitat, maiores de 14 anos: 20€

Os fondos que se recaden destinaranse á nosa loita contras as agresións ambientais e a conservar os nosos espazos naturais de forma activa. 

As prazas son limitadas. Para poder participar, é obrigatorio realizar unha inscrición previa a través do formulario habilitado. As prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición ata completar o número máximo de participantes permitido. Importante: cubrir o formulario non garante a praza ata recibir confirmación expresa por parte do Grupo Naturalista Hábitat.

 

Tes ata o martes 17 de novembro ás 22 h, para inscribirte!!!

No correo de confirmación recibirás tamén as indicacións necesarias para efectuar o pagamento. Lembra que a inscrición e o abono anticipado son imprescindibles para poder asistir. Non se permitirá a participación de persoas que non estean debidamente inscritas ou que non formalizasen o pagamento dentro do prazo establecido.

Todas as persoas participantes estarán cubertas cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante toda a actividade, e recibirán previamente as indicacións e recomendacións necesarias para desfrutala con seguridade e comodidade.

Solicitamos compromiso e responsabilidade coa asistencia. No caso de non poderes acudir unha vez confirmada a túa praza, agradécese que nos avises canto antes para que outra persoa poida aproveitar esa oportunidade.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco a aprender sobre as aves limícolas!