O vindeiro 26 de novembro de 2026, o Grupo Naturalista Hábitat cumprirá 46 anos desde a súa fundación, en 1980, da man de varios dos seus socios. Porén, o compromiso da entidade co estudo, o coñecemento e a conservación dos espazos naturais galegos comezara xa en 1979. Catro décadas e media de traballo pola natureza galega que queremos celebrar compartindo unha xornada especial cos nosos socios e socias.

Para conmemorar esta data, o domingo 22 de novembro de 2026 organizaremos unha visita ao Parque Natural das Dunas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, un dos espazos naturais máis singulares de Galicia, que destaca pola súa riqueza paisaxística e pola importancia dos seus hábitats para unha gran diversidade de especies.

A idea desta visita xurdiu o pasado mes de agosto, tras asistir a unha charla de Pedro Galán sobre a nova guía de anfibios e réptiles do parque. Daquela xurdiu a proposta de regresar a este espazo natural para coñecelo mellor a través dun percorrido compartido, no que poderemos gozar da observación das aves e descubrir a importancia das lagoas e demais hábitats do parque para a conservación dos anfibios.

Quedaremos no parque ás 10:00 h para comezar un paseo polo espazo natural, que se prolongará ata as 14:00 h. Será unha oportunidade para compartir coñecementos, observar a biodiversidade e desfrutar xuntos dun dos enclaves naturais máis destacados do noso territorio.

Como parte desta celebración, ás 14:30 h reunirémonos para xantar no restaurante Casa Vilas, en Ribeira, onde continuaremos compartindo esta xornada especial.

Para facilitar a organización e respectar o aforo establecido polo restaurante, é necesario confirmar previamente a asistencia ao xantar. O prazo para anotarse remata o xoves 19 de novembro ás 14:00 h.

 

Agardamos contar coa vosa presenza nesta celebración, que quere ser tamén un recoñecemento a todas as persoas que, ao longo destes 46 anos, contribuíron a construír e manter vivo o compromiso de G.N. Hábitat coa conservación do patrimonio natural galego.

A saída de campo ao Parque Natural e o transporte dos asistentes está integrada no Programa de accións ambientais 2026 coa Deputación da Coruña.

Para calquera dúbida, non dubidedes en escribirnos. Esperamos contar coa vosa presenza nesta xornada que tanto nos ilusiona compartir convosco.

Un cordial saúdo,

A Xunta Directiva