A Torre de Hércules é, sen dúbida, patrimonio con maiúsculas. Historia, arquitectura, paisaxe e natureza conflúen en perfecta harmonía, permitindo ao visitante gozar dunha experiencia única que se ve completada cando o percorrido comprende desde as entrañas ata a contorna do emblemático faro.

Con motivo da conmemoración do seu X aniversario na Listaxe do Patrimonio Mundial, comprácenos anunciar a apertura da exposición fotográfica “O patrimonio natural da contorna da Torre de Hércules”, desenvolvida de xeito altruista polo Grupo Naturalista Hábitat (que neste ano 2019 está tamén de celebración, cumplindo os seus 40 anos de historia) da man do Consorcio de Turismo e Congresos de A Coruña. A mostra componse dun total de 20 paneis, ilustrados con imaxes de flora e fauna presente neste espazo, así como paisaxes e accións levadas a cabo polo G.N. Hábitat na súa contorna. Cada panel acompáñase con sencillos textos explicativos, que procuran informar ao lector sobre as características das espacies representadas, ou as particularidades e contexto das escenas reflectidas, ao tempo que salientar a súa vinculación neste enclave natural.

A exposición atópase instalada no interior da propia Torre de Hércules, repartida ao longo das diferentes estancias e pisos do monumento, agardando a todo visitante que se queira achegar. Con ela preténdese resaltar a rica diversidade biolóxica que envolve de cor e vida este emblemático símbolo da nosa cidade, cuxo coñecemento é a base para lograr o seu adecuado estado de conservación.

Aves, mamíferos, anfibios, réptiles, invertebrados e plantas destacan aquí como auténticas protagonistas, fiel reflexo da súa presenza na contorna e gratas compañeiras nas visitas arredor da Torre.

Agradecer finalmente aos compañeiros e naturalistas que, tamén de xeito altruista, cederon as fotografías que compoñen toda a exposición: Carla Soaje, Elia Pérez, Xosé Manuel Carregal, Daniel Monteagudo, Manu Cernadas, Ricardo Ferreiro, Manuel Ruiz, Alejandro López, Xacobo de Toro e Andrés Pereira…Un fermoso traballo conxunto a prol da natureza.

Non vola perdades!