Comezamos con forza o 2020 retomando a iniciativa dos nosos Encontros Naturalistas. Nesta ocasión, e da man da compañeira Zeltia López da Asociación DROSERA, afondaremos no abraiante, e escasamente coñecido, mundo dos morcegos.

Zeltia, bióloga natural de Vilaboa (Pontevedra), colaborou no verán do 2011 coma voluntaria en Drosera nun proxecto para estudar ao morcego de ferradura pequeno, e dende entón xa non foi quen de deixar o estudo dos quirópteros. Así, meses despois, decidiu facer o seu proxecto de mestrado sobre a ecoloxía espacial do morcego rateiro forestal (Myotis bechsteinii) na Universidad Complutense de Madrid, dirixida por Roberto Hermida. A paixón por comprender mellor a estas interesantes criaturas levaríaa a traballar en lugares tan dispares coma Escocia, Costa Rica e Honduras, e a colaborar en proxectos de diversa índole, centrados nos morcegos.

Pola súa banda, a “Asociación DROSERA para Estudo e Conservación do Medio Natural” naceu en Lugo no ano 2004, coa teima de traballar desde unha perspectiva integradora na conservación do medio natural galego. As liñas mestras da súa actividade son a investigación aplicada, a conservación participativa e a divulgación. O enorme descoñecemento existente sobor dos morcegos en Galicia, a súa importancia na dinámica dos ecosistemas e a vulnerabilidade das súas poboacións levoulles, no ano 2008, a poñer en marcha Morcegos de Galicia, programa que aglutina todas as iniciativas de investigación, conservación, divulgación e sensibilización, que Drosera dirixe a este grupo faunístico.

Actualmente, entre outras iniciativas, Drosera ven de lanzar unha campaña de crowfunding a fin de recadar os fondos precisos para desenvolver un proxecto de sensibilización ambiental, co obxectivo de dar a coñecer perante a sociedade este importante grupo de mamíferos voadores e contribuír á súa conservación. A iniciativa integra unha chea de recompensas (bolsas e camisetas decoradas con ilustracións de morcegos, ou mesmo xornadas de campo para a identificación de especies da man de expertos) para todos os benfeitores que desexen axudar… Queres saber máis? Consulta a seguinte ligazón e axúdalles a acadar o seu obxectivo: campaña crowdfunding Achégate aos morcegos.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro mércores 22 de xaneiro, ás 20:30h. Para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

Acceso ao formulario de inscrición

 

As prazas son limitadasOs socios do G.N.Hábitat terán preferencia para asistir á xornada. En calquera caso, seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada e facilitarás a súa organización.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate, ven connosco e achégate aos morcegos!