O pasado domingo 28 de xaneiro xuntámonos vinte apaixonados pola natureza a recoller uns residuos que foran abandonados facía un tempo polos seus despreocupados donos. Este tipo de acción ten un nome inglés, littering. Moita xente tira ao chan o lixo dunha maneira moi lixeira, sendo unha práctica cada vez máis habitual e consentida por gran parte da cidadanía.
Por este motivo, pretendíase cunha actividade coma esta, ademais de recoller o lixo que se encontra na natureza, concienciar aos participantes e a xente que pasaba pola zona dos perigos, consecuencias e evolución deste tipo de residuos nas nosas contornas naturais.
Foi unha xornada na que, a pesares do mal tempo dos días anteriores, gozamos dun ceo despexado e dun sol moi brillante. A actividade desenvolveuse con un elevado nivel de participación e implicación dos asistentes producindo una grata experiencia beneficiosa tanto para eles como para a nosa natureza. Recolleronse numerosas botellas de auga, moitas delas aínda co líquido no seu interior, envoltorios de comida e incluso tamén materiais procedentes de obras de construción, como redes de plástico e ferros. Cabe destacar que unha gran maioría deles, sobretodo os plásticos, encontrábanse cubertos polo substrato e incluso colonizados pola flora, o cal é preocupante, xa que os plásticos tardan moitos centos de anos en descompoñerse na natureza e ademais moitos deles teñen compoñentes químicos que son moi contaminantes para a fauna e a flora, pero o máis perigoso é que contamina as augas subterráneas, das que toda a natureza se nutre, incluídos nós. A xornada rematou coa pesada dos residuos recollidos (en total 250 kg).
A pesar desta gran cantidade de residuos, a natureza segue abríndose paso. Encontramos pintafontes palmado, rá vermella, rá das veigas, cobra de colar, escaravellos, larvas de píntega, diversos cogomelos, entre outras moitas cousas que chamaron a atención dos participantes e despertou neles máis curiosidade pola biodiversidade da zona.
Soamente nos queda da-las grazas a todos os que participaron nesta xornada e con desexos de que desfrutaran e aprenderan da natureza tanto coma nós.
Vémonos na seguinte!!


Leave A Comment