O pasado domingo 18 de febreiro, soci@s do Grupo Naturalista Habitat xuntámonos na contorna da ría de Ares (Pontedeume) para pasar unha agradable mañá observando aves.

Tivemos a sorte de poder observar un total de 36 especies de diferentes aves e gozar da visita de compañeiros como o picapeixe (Alcedo atthis), asubiador común (Anas penelope), garzotas ou varias especies de biluricos.

Logo disto fomos visitar un pequeno núcleo de fento do botón (Woodwardia radicans), onde atopamos unhas preciosas parellas de pintafontes común (Lissotriton boscai). Esta poboación de Woodwardia radicans, especie considerada como vulnerable en Galicia, vese perigar por dúas especies exóticas invasoras Hedychium gardnerianum e Tradescantia fluminensis, que pouco a pouco están a desprazar esta poboación.

Para rematar, puxemos rumbo a praia de Sada coa intención de ver uns mazaricos negros (Plegadis falcinellus). Aínda que non houbo sorte, poidemos ver numerosos pilros comúns (Calidris alpina) e algún virapedras (Arenaria interpres).

Vémonos na seguinte!!!