Xa podemos ver de novo as nosas queridas vacalouras. Un ano máis, dende o G.N. Hábitat, queremos animarvos a participar na recollida de citas. Ata agora, temos rexistradas máis de 900 citas das catro provincias galegas, o que nos axuda a profundar no coñecemento da abundancia e distribución da vacaloura. Esta información é esencial para a súa protección e para que sigamos desfrutando da súa presenza nas noites de verán.
Ademais, o grupo de colaboradores da nosa entidade continuará participando no European Stag Beetle Monitoring Network, un proxecto internacional que segue un protocolo científico definido. Realizamos transectos para rexistrar resultados e observacións, contribuíndo así a un seguimento a nivel europeo.
Actualmente, temos 12 transectos activos. Se estás interesad@ en participar como voluntari@ nalgún deles ou en crear o teu propio transecto, contacta connosco en simpatizantes@gnhabitat.org. Ofrecémosche formación para que poidas crear o teu propio transecto ou acompañar aos voluntari@s nos xa existentes.
Toda a información sobre a especie e a iniciativa está dispoñible na sección da vacaloura, Lucanus cervus, na nosa web.
Para aportar as vosas citas, podedes cubrir o formulario online habilitado.
Tamén podedes subir as vosas observacións ao noso proxecto en INaturalist ou Observation.
Se queredes observar as vacalouras, recordade que a súa actividade é maior ao solpor e durante a noite. Como ocorre con moitos escaravellos, os adultos non son moi lonxevos, vivindo entre quince días e un mes. Pódense observar de xuño a setembro, sendo xullo o seu mes de maior actividade.
Animádevos a compartir as vosas observacións!

Leave A Comment