O vindeiro domingo, 22 de marzo, iniciaremos unha nova proposta de actividades, o “Caderno de ilustración naturalista”, unha serie de saídas á natureza nas que aprenderemos a observar e debuxar a biodiversidade que nos rodea.
Nesta primeira xornada achegarémonos á flora primaveral, descubrindo algunhas das especies máis características desta época do ano. Durante o paseo aprenderemos a identificar e diferenciar os nosos narcisos silvestres, así como outras plantas que anuncian a chegada da primavera.
Todo o que observemos será plasmado no noso caderno de campo, onde realizaremos ilustracións empregando a acuarela como base, seguindo a tradición dos cadernos naturalistas. Para iso contaremos coa guía da ilustradora Alicia Pacheco, máis coñecida como ALO, que nos acompañará durante a actividade e nos axudará a trasladar ao papel as formas, cores e detalles das plantas que atopemos.
Grazas ás súas ensinanzas aprenderemos a sacar do papel en branco as primeiras cores da primavera, celebrando así o inicio desta estación a través da observación e da ilustración da natureza.
A actividade desenvolverase de 10:30 a 13:30 h na área recreativa de Aranga, situada á beira do río Cambás, un espazo ideal para coñecer a riqueza botánica desta época do ano.
Non é necesario ter experiencia previa en debuxo: abonda con ter curiosidade, ganas de aprender e amor pola natureza. A actividade está dirixida a persoas maiores de 12 anos.
Para participar é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
Prezo da actividade:
- 15 € para socios/as do G.N. Hábitat e participantes de AGUADAS (taller de ilustración impartido por ALO).
- 25 € para persoas non socias.
Unha oportunidade perfecta para aprender a observar a natureza con calma e comezar o teu propio caderno naturalista.
Anímate e ven debuxar o inicio da primavera connosco!

Leave A Comment