O vindeiro sábado, 22 de novembro de 2025, convidámoste a participar nun obradoiro moi especial que levamos tempo desexando realizar: unha actividade pensada para poñer en valor a la das nosas ovellas e a importancia dunha gandería sostible e respectuosa co medio natural.

Da man dos nosos compañeiros Tamara Nogueira e Fran Galán, aprenderemos a traballar coa la natural, a coñecer as súas propiedades e a descubrir como se pode tinguir con métodos sostibles, aproveitando recursos naturais e reducindo o impacto ambiental.

Durante a mañá elaboraremos pequenas obras inspiradas nas bolboretas galegas, explorando formas e cores que nos lembran a diversidade e beleza destes insectos tan ligados á nosa paisaxe. Unha maneira creativa de achegarnos á natureza mesmo cando o inverno xa comeza a gardar as bolboretas nos recordos da primavera.

Será unha xornada para aprender, compartir e poñer en práctica a artesanía natural, valorando os materiais que nos ofrece o territorio e comprendendo como o aproveitamento responsable dos recursos pode converterse tamén nun acto de conservación.

O obradoiro será de 10 a 14h, e será na Sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (Abegondo).

O prezo do obradoiro é de:

  • Socios/as do G.N.Hábiat: Maiores de 14 anos: 30 €; Menores de 14 anos: 2 €.
  • Non socios/as: Maiores de 14 anos: 38 €; Menores de 14 anos: 5 €. 

As prazas son limitadas e xa está aberto o prazo de inscrición. 

 

Un obradoiro para conectar coa natureza a través das mans, das cores e da creatividade. Non o perdas!