O litoral de Oleiros conserva un valioso patrimonio natural e paisaxístico que podemos descubrir a través dos sendeiros que discorren pola súa costa. Nesta andaina naturalista percorreremos o tramo que une Bastiagueiro con Santa Cruz, un espazo no que se combinan cantís, pequenas calas e áreas de gran interese ecolóxico. Durante o percorrido observaremos a biodiversidade característica do litoral e coñeceremos algúns aspectos clave sobre o funcionamento dos ecosistemas costeiros, así como as ameazas que afrontan e a importancia da súa conservación.
A actividade terá lugar o vindeiro domingo, 15 de marzo do 2026, ás 17:00h. A participación é de balde e aberta a todos os públicos, pero require de inscrición previa a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Esta acción forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
Ven gozar da natureza!

Leave A Comment