Este sábado, 14 de marzo de 2026, de 10 a 14 h, desde o Grupo Naturalista Hábitat participaremos nunha xornada de plantación de árbores autóctonas en Paradapiñol, no concello de Quiroga, xunto con Afundación – Obra Social ABANCA.
Esta iniciativa xorde como unha acción de apoio aos nosos montes tras a vaga de incendios sufrida no ano 2025, que afectou gravemente a Galicia, especialmente en Lugo e Ourense. A perda de vexetación provocada polos lumes non só supón un impacto paisaxístico, senón tamén unha importante diminución de hábitats e recursos para a fauna, así como un maior risco de erosión do solo e de perda de biodiversidade.
A plantación de especies autóctonas contribúe a acelerar os procesos naturais de recuperación do monte, favorecendo a creación de novos refuxios e fontes de alimento para moitas especies de fauna e axudando a restaurar o equilibrio ecolóxico do territorio. Ademais, este tipo de actuacións permiten reforzar a estrutura do solo, mellorar a retención de auga e aumentar a resiliencia do ecosistema fronte a futuros incendios ou episodios climáticos extremos.
Con esta actividade preténdese tamén implicar á cidadanía na restauración ambiental, promover a sensibilización sobre a importancia da conservación dos montes e poñer en valor o papel das especies autóctonas na saúde e sustentabilidade dos ecosistemas galegos.
Se queres colaborar na recuperación dos nosos montes e participar nunha acción directa de conservación da natureza, anímate a vir connosco!

Leave A Comment