Prezad@s compañeir@s

Convencidos dos beneficios que supón establecer sinerxias entre as entidades que traballamos polo estudo e a conservación do patrimonio natural, dúas vellas compañeiras como somos o Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Micolóxica Coruñesa vimos de asinar recentemente un acordo de colaboración. Unha relación baseada en mellorar as capacidades de traballo de ambas institucións, mais tamén cunha forte compoñente social, xa que continuaremos motivando á participación da cidadanía en moitas accións futuras, facéndoa partícipe do coñecemento da biodiversidade en xeral, e dos fungos en particular.

Como organizacións afíns en filosofía e obxectivos, e impulsadas por naturalistas de corazón, o vínculo entre o G.N.Hábitat e a Asociación Micolóxica Coruñesa ten xa unha longa traxectoria con múltiples actividades desenvolvidas de xeito colaborativo nestes últimos anos. Sendo así, o paso que acabamos de dar supón unha evolución lóxica na nosa relación, e que agardamos permita un maior achegamento dos nosos socios, simpatizantes e amigos. 

Agardamos que esta nova sexa tamén do voso agrado!