Velaquí unha nova xornada no marco do programa Hábitat sen E.E.I., coa que continuaremos avanzando na recuperación de áreas degradadas na contorna do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Torre de Hércules. Novamente centraremos esforzos na retirada da especie exótica invasora coñecida como uña de gato (Carpobrotus spp.), ollando polo miúdo aos rebrotes que temos detectado nalgunhas parcelas xa traballadas nestes anos.
*Sabías que dende o pasado ano 2018 levamos realizadas 74 xornadas de traballo na contorna da Torre de Hércules, centradas na retirada de especies invasoras? Son xa 1.348 os voluntari@s que teñen participado nestas tarefas, e que acadaron a retirada de 70.528kg da uña de gato. Estimamos que levamos actuado xa en máis do 50% da superficie que ocupa esta especie invasora no ENIL Torre de Hércules e o proceso de recuperación ambiental avanza de xeito favorable a prol da comunidade vexetal nativa, tal e como teñen constatado dende a Área de Botánica da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña. Un estupendo aliciente para continuar cos traballos.
A vindeira xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo 11 de agosto do 2024, ás 10:30h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment