Como agradecerlle a alguén que o ten dado todo por Hábitat? Non hai palabras abondo. Os que coñecemos a Santi sabemos que Hábitat forma parte inseparable da súa vida dende hai moitos anos, e sen remedio todos os que o van coñecendo vense contaxiados, dun xeito ou doutro, polo cariño e a humildade coas que transmite a súa paixón pola natureza.
Son moitas as xornadas de campo que leva ás costas e innumerables as horas investidas traballando en prol do medio ambiente, sempre preocupado por atopar sinerxias, achegar posturas e porque os que lle rodean aprendan e se enganchen desta fermosa filosofía de vida, máis ca afección, que é o naturalismo.
Deixa a Presidencia nun momento en que Hábitat colle día a día maís forza, abofé en gran parte grazas aos seus esforzos, pero de ningún modo se aparta desta entidade que tanto lle debe, e na que seguirá aportando a súa experiencia, coñecementos e calidade humana.
Grazas Santi! por xente coma ti Hábitat é moito máis ca un Grupo, é unha gran familia!
Deixas unha pegada inesquecible, e o listón moi alto para os vindeiros presidentes.
Seguimos traballando!

Sen dúbida, unha persoa íntegra e conciliadora, un compañeiro fóra do común, Cunha paciencia infinita e sempre un sorriso alentador. Quero agradecerte todos aqueles anos que pasamos xuntos na xunta directiva, tempos moi complicados e difíciles, onde apenas éramos 5 ou 6 tolos a intentar superar o abismo.
Agora, desde a distancia, digo con orgullo que sen ti Hábitat, a nosa segunda familia, non sería a mesma. E vaste coa cabeza ben alta e, sobre todo, coa conciencia tranquila.
Descansa e recobra as forzas, que desde a militancia seguirás dando auténticas clases de naturalismo.
Moitas grazas por todo, AMIGO, e unha forte aperta.
Ramón