colage

O ano 2016 toca o seu fin. Un gran ano que non sería o mesmo sen todos vós, os que nos acompañastedes nesta aventura o longo deste ano.

Vós sodes os que facedes que o traballo que levamos a cabo os membros da Xunta Directiva e Colaboradores do grupo teña sentido. A vosa forza é a que nos impulsa a seguires traballando día a día, sempre en prol da divulgación e protección do medio natural galego. Os vosos folgos ante as adversidades, a vosa acollida das iniciativas que vos propoñemos e a ilusión e os sorrisos que nos regalades en cada unha delas son o que fan cada ano máis grande a Hábitat.

Este ano, non sen dificultades, pero con moito traballo, ilusión e dedicación, conseguimos sacar adiante 61 actividades que ofrecervos, tales como os nosos Encontros Naturalistas mensuais, Escolas de naturalistas, Maratóns ornitolóxicos, Certame de debuxo, Roteiros interpretativos, Xornadas de voluntariado, Charlas e conferencias, Actividades divulgativas en centros de ensino, Xornadas de apoio a Responsabilidade Social Corporativa, feiras de caracter medioambiental…

Sempre arroupados por vós, as 2125 persoas que convertichedes cada iniciativa nun novo éxito de acollida e asistencia. Non nos queda máis que mostrarvos o noso agradecemento.

Algúns xa díchedes o paso entrando a formar parte desta gran familia, que é o G.N. Hábitat. O resto animámosvos a dar o salto e vivir esta maravillosa experiencia.

Na nosa parcela de estudo, estivemos implicados en proxectos tan interesantes como o Proxecto de Custodia da Píllara das dunas, os Censos de aves invernantes, Informe da biodiversidade do Monte Xalo, Proxecto biodiversidade da Casa Grande de Xanceda, comezamos a fraguar o convenio Universidade da Coruña – G.N. Hábitat; ademais de levar a cabo o inxente traballo de realizar o primeiro Mapa da diversidade biolóxica do Concello da Coruña.

Realizamos trece procesos de asesoramento ou denuncia ambiental, sempre intentando aunar esforzos, en prol da protección do medio natural, nos que tamén apoidamos a outras entidades amigas colaborando no desenrolo das súas propias iniciativas.

Este vindeiro 2017 seguiremos coa mesma (senón máis) ilusión e dedicación para facervos participes desta nosa paixón que é o naturalismo. Esperámovos de novo!!

Grazas a todos por compartir este ano con nós!!

Saúde e Natureza para o 2017!!

A Xunta Directiva do G.N. Hábitat.