Este domingo, 13 de xullo de 2025, de 22:00 a 00:30 h, convidámoste a descubrir o fascinante mundo das avelaíñas nunha actividade nocturna no concello de Alfoz (Lugo). As avelaíñas, a miúdo menos coñecidas e valoradas que as bolboretas diúrnas, desempeñan un papel esencial nos ecosistemas como polinizadoras nocturnas e indicadores da saúde ambiental. Ao longo desta xornada, aprenderemos a identificar diferentes especies, coñecer as súas adaptacións á vida nocturna, os seus ciclos vitais e as curiosidades que as converten en auténticas xoias da nosa biodiversidade. A actividade consistirá na instalación de puntos de luz e lenzos brancos que atraerán as avelaíñas, permitindo a súa observación de preto e fomentando a participación activa do público. Unha oportunidade única para admirar a variedade de formas, cores e tamaños destes insectos, que adoitan pasar desapercibidos.

A actividade enmárcase nun proxecto máis amplo que busca coñecer, valorar e protexer a biodiversidade deste territorio único, grazas ao apoio de Golden Valley Galicia Verde.

As prazas son limitadas e de balde. A actividade está pensada para todas as idades e non require coñecementos previos, tan só curiosidade e ganas de gozar da natureza. 

É importante que lembres que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. Para poder asistir tes que inscribirte neste formulario:

 

O punto de encontro será confirmado ás persoas inscritas previamente. Non se admitirán na actividade a persoas non apuntadas. Todos os participantes recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade. Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Non perdas a oportunidade de mergullarte na maxia da noite e achegarte á biodiversidade nocturna dun xeito diferente. Anímate a descubrir as avelaíñas e a gozar dunha noite de verán especial en Alfoz!