1as xornadas sobre biodiversidade en espazos agrogandeiros

 

ABANCA Obra Social, coa participación do G.N.Hábitat, pon en marcha novamente o programa “Traballando pola mellora do patrimonio natural”, cun ciclo de xornadas dirixidas á posta en valor, implicación e conservación do medio natural. Así, neste 2017 o Voluntariado ABANCA desenvolverá un ano máis numerosas accións en prol da natureza, baixo a xestión do G.N. Hábitat e da man de diferentes entidades colaboradoras. A iniciativa, eminentemente práctica, é froito da aposta de ABANCA pola participación activa na conservación medioambiental, a través da coñecida Responsabilidade Social Corporativa, área prioritaria da entidade.

O compromiso coa natureza enténdese como un deber que nos afecta a todos, en tanto que é toda a sociedade a beneficiaria duns valores naturais que compre legar ás xeracións vindeiras no mellor estado posible. Este compromiso supón ademais unha relación de simbiose, xa que nela todos os axentes implicados chegan a saír beneficiados: o espazo no que se traballa, procurando a súa perdurabilidade, e os implicados na súa conservación, gozando da satisfacción e beneficios persoais (físicos, e mesmo anímicos) que reporta o contacto coa natureza. Nesta liña, a Responsabilidade Social Corporativa está a supoñer hoxe día unha magnífica ferramenta, grazas a cal as empresas contribúen de xeito activo e voluntario á mellora non soamente económica, senón tamén social e ambiental da sociedade da que forman parte.

Proximamente iremos anunciando as diferentes actividades que se porán en marcha. Agardamos que sexan do voso interese.