O 13 de novembro de 2002, hai hoxe 11 anos, a raíz dunha vía de auga, o petroleiro de casco simple Prestige comezou a perder fuel fronte ás costas de Galicia, á altura de Cabo Fisterra. Seis días despois, afundiuse a 150 millas da costa, ao suroeste de dito cabo, e a 3.800 m de profundidade.
En total, vertéronse 64.000 das 77.000 toneladas de fuel-oil pesado que transportaba, que se esparexeron polo Atlántico nororiental, afectando en diferente medida á costa comprendida entre o norte de Portugal e o sur de Francia.
De toda a costa afectada polo verquido do Prestige, o litoral galego sufriu o maior impacto, especialmente a zona noroccidental (provincia da Coruña), que recibiu catro mareas negras importantes entre mediados de novembro e principios de xaneiro, aínda que a presenza de fuel nas costas prolongouse ata mediados de 2003.
Hoxe lerase a sentenza do xuízo por este accidente, mais de pouco servirá, xa que os barcos seguirán navegando con bandeiras de conveniencia, os controis seguirán sendo papel mollado e os políticos e xestores seguirán tomando decisións a para salvar o seu posto e mirando polo seu propio ben, antes que facer as cousas polo ben común.
O que podemos facer é fornecer información do que aconteceu, para, polo menos, aprender do ocorrido, e agardar que, no caso de se repetir un desastre similar, se fagan as cousas mellor.
- Ano de construción do buque: 1976
- País do propietario e do fletador: Liberia
- Pabellón: Bahamas
- Cantidade verquida : 64.000 toneladas de fuel oil pesado
- Aves recollidas nas costas de Portugal a Francia: 17.061 mortas e 6.120 vivas
- Estima de mortandade de aves: 115.000 – 300.000 aves
Documentos:
- Información xeral sobre a magnitude do accidente (CEDRE)
- Xestión do petroleiro Prestige entre o accidente e o afundimento (CEDRE)
- Caracterización do fuel do Prestige (CEDRE)
- Simulación das emisións de fuel e movemento das manchas (MARETEC, Instituto Superior Técnico de Lisboa)
- Impacto da marea negra do Prestige sobre as aves mariñas (SEO/Birdlife)
- O impacto do Prestige sobre as aves mariñas de Galicia, tres anos despois (SGO)
- Impacto socio económico do verquido do Prestige na Costa da Morte (Comisión Europea)
- Leccións xurídicas do caso Prestige: 10 teses sobre a mellora da seguridade do transporte marítimo e a protección do medio ambiente en España (Sanz, F.J.; García, M. & Pernas, J.J. UDC)
- Informe técnico “Impacto dos verquidos de petróleo nas aves mariñas” (CE, NIOZ, UDC, Sea Alarm)
- Manual para avaliar o impacto dos verquidos de petróleo (Camphuysen, C.J.; Bao, R.; Nijkamp, H.; Gasol, R. & Heubeck, M.)
- Casos históricos de accidentes de buques petrolíferos (International Tanker Owners Pollution Federation Ltd.)

Leave A Comment