🌿 Ciencia cidadá · Biodiversidade

Participa en “La Gran Semana” da biodiversidade

Do 15 ao 24 de maio de 2026, animámosvos a saír a observar a natureza máis próxima e contribuír á recollida de datos de fauna e flora a través de plataformas de ciencia cidadá.

📅 Cando?
Do venres 15 de maio ás 00:00 h ao domingo 24 de maio ás 23:59 h.
📍 Onde?
Preto dos nosos fogares: xardíns, parques, fincas familiares ou espazos próximos e accesibles.
🔎 Que rexistrar?
Observacións de fauna e flora, empregando ferramentas abertas de ciencia cidadá.

Un reto colectivo para coñecer mellor a biodiversidade

Outro ano máis, o Grupo Naturalista Hábitat convida a todas as persoas afeccionadas á natureza a participar en “La Gran Semana”, unha iniciativa estatal promovida desde lagransemana.org e definida como un reto participativo para facer unha gran prospección de datos de biodiversidade.

Esta proposta busca promocionar as ferramentas de ciencia cidadá, fomentar iniciativas locais a prol da biodiversidade e coordinar accións entre organizacións naturalistas, científicas, conservacionistas e institucións públicas.

A proposta de Hábitat para 2026

Desde o G. N. Hábitat propoñemos reunir a maior cantidade posible de rexistros de fauna e flora durante estes dez días, poñendo o foco na natureza máis próxima. Así, ademais de reducir desprazamentos e emisións asociadas, contribuiremos a dar valor á biodiversidade cotiá, moitas veces insospeitadamente descoñecida.

Como podes participar?

Para facilitar a recollida de información, animamos a empregar algunha destas tres plataformas de ciencia cidadá:

Observation.org

Permite introducir citas de calquera ser vivo, con ou sen fotografía.

  • A través da web: www.observation.org > Agregar > Observación.
  • Mediante as apps ObsMapp para Android, iObs para iOS, e ObsIdentify ou Observation para smartphone.

iNaturalist

Indicada para introducir observacións de calquera ser vivo acompañadas de fotografía.

eBird

Especialmente orientada ao rexistro de aves, con ou sen fotografía.

  • A través da web: ebird.org/submit.
  • Mediante a aplicación eBird, dispoñible para smartphone.
  • Como apoio á identificación por sons, pode empregarse a app Merlin, de Cornell Lab.

Anímate a participar!

Calquera observación conta. A biodiversidade está moito máis preto do que ás veces pensamos: só hai que saír, mirar con atención e compartir os datos.