O programa “Natureza kmØ” volverá este venres, 15 de maio do 2026, á Torre de Hércules, para retomar as tarefas de retirada da especies exóticas invasoras cunha nova xornada centrada na eliminación da herba do coitelo (Carpobrotus spp.). Nesta ocasión estaremos acompañados polo alumnado e docentes do I.E.S. O Couto, que virá connosco a investir tempo e esforzos para a conservación deste espazo natural.
*Sabías que dende o pasado ano 2018 son máis de 1.800 as persoas voluntarias que nos teñen axudado nestas tarefas, en 93 xornadas de traballo 💪. O proceso de recuperación ambiental avanza de xeito favorable a prol da comunidade vexetal nativa, mais aínda queda moito traballo por diante!
Dende o Grupo Naturalista Hábitat queremos encadrar esta xornada baixo a iniciativa “A Gran Semana” da biodiversidade e a ciencia cidadá (lagransemana.org). Un evento definido coma “un reto participativo para facer unha gran prospección de datos de biodiversidade” no que xa temos colaborado en pasadas edicións, e cuxa convocatoria 2026 se celebrará entre os días 15 e 24 de maio. Nela se pretende promocionar as ferramentas de ciencia cidadá, fomentar a creación de iniciativas locais a prol da biodiversidade, e coordinar accións de organizaciones naturalistas, científicas, conservacionistas e institucións públicas.

Leave A Comment