O lixo mariño representa unha ameaza para os ecosistemas costeiros e a biodiversidade. A través de actividades prácticas e participativas, podemos achegar esta problemática aos máis pequenos e fomentar hábitos responsables no coidado da contorna.
O vindeiro xoves, 15 de outubro, realizaremos unha xornada de limpeza de residuos na praia Nova de Sada, na que participará o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP Emilio González López, de Cambre. Durante a actividade, os cativos colaborarán na retirada dos residuos presentes no areal e coñecerá a importancia de evitar que estes cheguen ao mar e afecten á fauna e aos hábitats costeiros.
A iniciativa busca combinar a acción directa coa sensibilización ambiental, promovendo desde idades temperás a redución de residuos, a correcta xestión do lixo e a implicación no coidado dos espazos naturais. Deste xeito, a praia convértese nun espazo de aprendizaxe no que descubrir que os pequenos xestos tamén contribúen á conservación do medio mariño.
Esta acción forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, financiado pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMPA), e pola Xunta de Galicia.

Leave A Comment