Un ano máis comprácenos anunciar a celebración da que será a IV xornada da iniciativa “Especie do Ano na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo“, que neste 2017 centra a súa atención nos fentos, e máis concretamente no Fento do Botón (Woodwardia radicans), co obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento desta especie ameazada, así como ampliar a información sobre a súa distribución na nosa comunidade en xeral, e no territorio da Reserva de Biosfera en particular.
Como xa e sabido, dentro da iniciativa “Especie do Ano” -en marcha dende o pasado 2014- o G.N.Hábitat, da man da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, desenvolve en cada campaña diversas accións, tales como a edición dun tríptico informativo sobre a especie elixida, a elaboración dun espazo web con información xeral e a recollida de datos coa participación cidadá, culminando cada anualidade coa celebración dunha xornada de relatorios con diferentes expertos na materia. Todos os materiais elaborados e as iniciativas propostas póñense a disposición do público, e poden ser consultados e descargados dende a seguinte ligazón á nosa web: gnhabitat.org/especies-do-ano/
Deste xeito, e como broche final á campaña 2017, convidámovos a participar na Xornada sobre os fentos en Galicia, que terá lugar o vindeiro sábado 30 de setembro de 10 a 14 horas, no Centro Etnográfico do río Mandeo (C/Acceso ao paseo fluvial. 15310, Teixeiro. Curtis -A Coruña-): ver mapa de localización. Nesta xornada non soamente teremos ocasión de coñecer en profundidade a esta emblemática especie, senón que aproveitaremos tamén para poñer en valor ao conxunto dos fentos da man de expertos, docentes e investigadores.
A participación na xornada é de balde e aberta ao público, sendo o aforamento limitado (capacidade das instalacións) e imprescindible a inscrición previa a través do seguinte formulario online:
Acceso ao formulario de inscrición
Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en inscricion@gnhabitat.org
- Descarga aquí o cartel co programa da xornada (pdf): descargar
Agardámosche!!!

Leave A Comment