Velaquí unha nova actividade no Monte da Fraga, organizada da man da Oficina de Sustentabilidade (OdS) da Universidade da Coruña. Nesta ocasión levaremos a cabo unha xornada de reforestación, co obxectivo de incorporar unha variedade de especies arbóreas e arbustivas autóctonas nun espazo antigamente ocupado por eucaliptos. As especies escollidas permitán continuar co proceso de recuperación ambiental e de custodia do territorio que se están a levar a cabo nesta contorna por parte da UDC, as flores que brotarán nun futuro tinguirán de cores o espazo e atraerán polinizadores, namentres que os froitos farán as delicias das aves e outro animais. Queres sumarte?
A actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo 9 de febreiro do 2025, de 10:30 a 13:30h. Para a participación na actividade é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat, a través do correo electrónico achegado na inscrición.
No caso de que a previsión meteorolóxica na data establecida non permita desenvolver a xornada de manera axeitada, a actividade poderá trasladarse a outra data. Esta circunstancia será avaliada polos organizadores e, de ser o caso, informarase do aprazamento vía email aos inscritos.
A xornada establece un recoñecemento de créditos para estudantes de grao da UDC: 2h (1c por cada 10h de participación en actividades da OdS).
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios: inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment