Coa meteoroloxía da nosa parte, varios socios desta gran familia responderon ao chamamento e calzaron as botas o pasado domingo para botar unha man no noso compromiso de colaborar no censo de aguia peixeira en Galicia, organizado un ano máis pola Sociedade Galega de Ornitoloxía.
Acompañados de ópticas, visitamos os espazos naturais de Cecebre e contorna de Betanzos e Ares, coa esperanza de poder ollar esta fermosa ave. Sería sen dúbida unha mañá agradable en boa compañía, que tería a súa guinda se algún dos equipos chegaba a “cantar” tan desexado avistamento, para envexa dos outros (ainda que fose desas envexas sanas entre amigos).
Por un lado, os compañeiros de Cecebre, ainda que ben equipados, non tiveron a sorte de recibir a visita da pescadora. Pero ningunha saída de campo é en balde; lontras, garzas, garzotas e moitas outras farían de perfectos actores secundarios nesta fermosa mañá.
Imaxes: Manu Cernadas
Mesma sorte tiveron os compañeiros que visitaron as contornas de Ponte do Porco, Miño, Eume e Ares…nin rastro da pescadora, pero un bo momento para gozar de moitas outras especies de fauna e flora neste percorrer.
A sorpresa faríase de rogar, pero chegaría, e o faría da man do equipo situado na fermosa marisma de Betanzos…
Imaxe: Santiago Vázquez
Máis lontras, tartarañas e outras especies facían xa as delicias destes naturalistas…ata que por fin, ao lonxe, pousada nun mastro, apareceu. Impoñente e elegante coma poucas, un fermoso exemplar de aguia peixeira deixábase observar dende os telescopios.
Imaxe: Santiago Vázquez
Sen dúbida, unha xornada para o recordo, facendo da natureza a excusa perfecta para xuntarnos entre os socios de Hábitat.
Ata a próxima!
Leave A Comment