Este domingo seguimos a descubrir os segredos dos ríos nunha nova ruta divulgativa do proxecto Víxías dos nosos ríos. Desta volta visitaremos o río Grande de Xubia, no concello de San Sadurniño, un espazo de gran valor ecolóxico protexido como Zona Especial de Conservación Xubia – Castro.

Ao longo do percorrido exploraremos a biodiversidade que habita nas súas beiras: desde aves como o merlo rieiro, ata invertebrados como o arañón das pozas. Tamén falaremos das ameazas, como a presenza de especies exóticas invasoras, entre elas o visón americano.

Estamos nun momento moi bo para observar a flora da zona, de feito o 18 de maio celébrase o Día Internacional da Fascinación polas Plantas, e a natureza está no seu máximo esplendor. E ademais dos valores naturais, o río Grande de Xubia ten unha gran vinculación cultural con lendas como a do pozo dos donceis e da deusa galaica Navia. A contorna do río foi escollida para instalar un Arboreto, onde se poñen en valor as especies de árbores autóctonas galegas, e a Fraga máxica con fantásticas esculturas de madeira.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo 18 de maio do 2025, de 10:00h a 13:30h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Esta ruta encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.

Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org699 876 322

Agardámoste!

Colaboramos coa: