Un ano máis, contaremos coa colaboración dos nosos compañeiros David Dopereiro e Ismael Espasandín, que compartirán con nós o seu traballo no estudo e conservación da herpetofauna no concello da Coruña. A actividade estará centrada na Vipera seoanei, unha especie moi representativa dos nosos ecosistemas que, a pesar do seu papel ecolóxico, continúa sendo pouco coñecida e frecuentemente malinterpretada.
A xornada desenvolverase o sábado, 9 de maio de 2026, de 9:45 a 13:30 h, e consistirá nunha saída interpretativa pola contorna de Feáns, A Coruña. Durante o percorrido, teremos a oportunidade de coñecer de primeira man as metodoloxías de seguimento que empregan David e Ismael, así como achegarnos ao seu traballo de campo.
Ademais, a actividade servirá tamén para poñer en valor a biodiversidade ligada ás prácticas agrarias tradicionais que aínda se conservan na periferia do municipio, auténticos refuxios para numerosas especies silvestres.
Unha ocasión moi especial para achegarse ao mundo da herpetoloxía e reflexionar sobre a importancia de conservar tanto as especies como os hábitats que as sosteñen.
Tes ata o venres, 8 de maio do 2026, ás 14h para inscribirte!!
Este curso ten un custo de:
- Socios/as G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 5€
- Maiores de 14 anos: 8€
- Non Socios/as G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 8€
- Maiores de 14 anos: 15€
O importe recadado coa inscrición nestas actividades destinarase ao proxecto de estudo da poboación de víboras de Feáns. Agradecemos moito a túa colaboración e apoio nesta iniciativa de conservación.
Lembramos que para participar é imprescindible realizar a inscrición previa e formalizar o pago dentro do prazo establecido. Non se permitirá a asistencia de persoas que non estean inscritas ou que non teñan completado o proceso de pago en tempo e forma.
Todas as persoas participantes estarán cubertas cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da actividade. Ademais, recibirán toda a información necesaria e as recomendacións oportunas para garantir unha experiencia segura e satisfactoria.
Pregamos compromiso e responsabilidade á hora de asistir. No caso de non poder participar tras confirmar a túa praza, agradeceriamos que nos informaras canto antes. Deste xeito, poderemos ofrecer esa praza a outra persoa interesada e contribuír a que máis xente poida desfrutar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment