Este mes de xuño tes unha nova cita no VII curso de verán de mamíferos mariños e tartarugas que se celebrará na Coruña. Unha iniciativa levada a cabo por expertos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), co apoio do G.N.Hábitat, para quen desexe afondar no coñecemento da fauna mariña.
O curso, que se levará a cabo os vindeiros xoves e venres, 25 e 26 de xuño do 2026, en horario de mañá e tarde, ten como obxectivo a divulgación e a formación da propia Rede de Varamentos. Entre os temas contidos no curso atópase a información relativa á asistencia das especies mariñas ameazadas, a asistencia ás tartarugas mariñas, o funcionamento da UCI de lobos mariños, o centro de coordinación de varamentos dende Nigrán ou os traballos desenvolvidos coas labores de monitorización marítima, asistencia a varamentos ou mesmo o seguimento das interaccións das candorcas. Como novidade incorpórase tamén nesta edición a información relativa ás quenllas, unhas especies moi descoñecidas e cada vez máis presentes nas augas de Galicia.
Entre os especialistas cos que se contará están o Coordinador xeral dos varamentos de Galicia, Pablo Covelo; as Especialistas na asistencia de campo, Mónica González e Uxía Vázquez; o Doutor en bioloxia e especialista en dieta, Alberto Hernández, a Doutora e especialista veterinaria en Anatomía da USC, Nuria Alemañ, a Doutora en patoloxía, Raquel Puig, así como o Doutor en bioloxía e investigador da Universidade de Aveiro, Alfredo López.
O carácter do curso é xeralista e, aínda que con certa información técnica, é apto para todos os públicos: voluntariado, navegantes, amantes do mar, estudantado de secundaria e universitario, e mesmo profesorado de ciencias.
O curso conta cun financiamento limitado de parte das actividades a desenvolver, polo que é preciso que os interesados en participar axuden cos gastos derivados. Nesta liña, establécese un máximo de 30 participantes no curso, cunha cota de inscrición de 60€/persoa. Rematado o curso dende a organización aportarase un certificado persoal de participación.
O prazo de inscrición rematará o domingo 22/06/2026. As inscricións dos interesados deberán facerse necesariamente a través do seguinte formulario habilitado
O importe do curso deberá aboarase seguindo estas indicacións:
- Número de conta: ES26 0049 4368 9924 1005 4775
- Titular da conta: COORDINADORA PARA O ESTUDIO DOS MAMIFEROS MARIÑOS
- Concepto do ingreso: CURSO CORUÑA26_nome_data
Unha vez feito o ingreso deberá enviarse o resgardo ao correo: cemmasolicitud@gmail.com. A esta mesma conta de email poderán enviarse as dúbidas e comentarios que puideran xurdir sobre o curso por calquera interesado.
Nas seguintes ligazóns poderás ver máis información
No perdas esta oportunidade!

Leave A Comment