O vindeiro domingo tes unha nova cita nos nosos Obradoiros Ambientais. Desta volta teremos a sorte de contar cos compañeir@s e expertos da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío (agrupacionio.com), entidade que promove a afección, o estudo, a investigación e a divulgación sobre a astronomía e ciencias afíns, así como a colaboración para divulgar e evitar a contaminación lumínica…E xusto sobre esta temática versará a actividade!
No ano 2024 os compañeiros da Agrupación Ío, co apoio da empresa láctea Deleite, produciron a versión galega do taboleiro “Viaxe pola noite iluminada”, un xogo de mesa sobre contaminación luminosa creado por Annette Krop-Benesch coa colaboración dos seus fillos. E que mellor xeito de aprender que xogando! Así que velaquí a proposta. Os asistentes que se animen a participar poderán xogar en grupos con este taboleiro, coñecendo como a contaminación luminosa afecta a flora e a fauna en todo o planeta, ou o impacto da luz artificial pola noite sobre as árbores, os insectos, as aves e mesmo sobre os animais mariños. Finalmente, os asistentes levarán ademais o taboleiro de xogo como agasallo.
A xornada, de balde e aberta ao público (non recomendada para menores de 8 anos), terá lugar o domingo 23 de marzo, ás 12h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:.
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Podes acceder a moita máis información e recursos sobre Contaminación Luminosa no apartado específico desta temática dispoñible na web da Agrupación Ío
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment