As Lagoas de Villafáfila, situadas en Zamora, constitúen un dos espazos húmidos máis importantes da Península Ibérica para a observación de aves, especialmente durante as épocas de migración e invernada. Este complexo lagunar de carácter estepario alberga unha gran diversidade de especies, converténdose nun enclave privilexiado para o bicheo.
Ao longo da saída teremos a oportunidade de observar aves acuáticas, así como unha destacada presenza de rapinas diúrnas e nocturnas, nunha paisaxe aberta que facilita a súa localización e seguimento.
Levabamos moitos anos querendo organizar esta saída cos nosos socios e socias: pasar uns días de bicheo nas Lagoas de Villafáfila, gozando das aves nun lugar excepcional para a súa observación.
Propoñemos dúas datas diferentes para facilitar a participación:
Primeira quenda
Sábado, 18 de abril: xornada completa. Saída ás 6:30 h desde Bribes, Cambre (o punto exacto confirmarase coas persoas participantes).
Domingo, 19 de abril: media xornada (comida e regreso).
Monitores: Manuel Cernadas e Elia Pérez.
Prezo: 35 €/persoa.
Prazas dispoñibles: 10 persoas.
Segunda quenda
Venres, 1 de maio: xornada completa. Saída ás 6:00 h desde Coirós (o punto exacto confirmarase coas persoas participantes).
Sábado, 2 de maio: xornada completa.
Domingo, 3 de maio: media xornada (comida e regreso).
Monitores: Xabier Prieto e Cosme Damián Romay.
Prezo: 50 €/persoa.
Prazas dispoñibles: 20 persoas.
Trátase dunha actividade exclusiva para socios e socias do G.N. Hábitat, dirixida a persoas maiores de 12 anos.
O prezo inclúe o acompañamento e as explicacións dos monitores, o uso de óptica para a observación de aves, guías de apoio e os seguros de responsabilidade civil e accidentes.
Non inclúe o aloxamento, as dietas nin os desprazamentos. Non obstante, desde a entidade coordinaremos os vehículos para optimizar as viaxes e reducir custos, e trataremos de xestionar opcións de aloxamento e comidas para facilitar a organización e favorecer a convivencia do grupo.
Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición. No correo de reserva de praza recibirás as instrucións para realizar o abono. É importante que lembres que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa e o pago por anticipado. Non se admitirán na actividade a persoas non apuntadas ou que non fixesen o pago no prazo establecido.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Unha oportunidade única para coñecer un dos grandes enclaves ornitolóxicos e compartir uns días de natureza e aprendizaxe en grupo!!

Leave A Comment