O programa “Natureza kmØ” volverá este mércores, 4 de novembro do 2026, á Torre de Hércules, para continuar poñendo en valor a diversidade biolóxica e os hábitats máis representativos deste Espazo Natural de Interese Local (ENIL). 

Desta volta reencontrarémonos cos compañeir@s da Fundación JuanSoñador e os usuari@s do seu Programa de inserción sociolaboral para persoas migrantes. Un programa que pretende a atención integral ás persoas migrantes, procurando favorecer a inserción dos participantes co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, velando polos seus dereitos e deberes na sociedade de acollida e sensibilizando na interculturalidade como modelo de cidadanía.  Un colectivo -entre moitos outros- co que nos sensibilizamos dende o G.N.Hábitat, e que nos levou a organizar multitude de accións ambientais prestando especial atención a usuarios, achegados (respiro familiar) e organizacións que traballan con persoas con dispacidade, colectivos en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión, e pola diversidade funcional, promovendo a integración e a participación activa en materia de coñecemento, divulgación e conservación do patrimonio natural. En definitiva, avanzar na necesidade dunha #naturezainclusiva. 

Será unha estupenda ocasión para unha nova descuberta da fauna e flora deste emblemático enclave da nosa cidade.