Este domingo ofrecemos unha saída polo río Brexa (concello de Carral) enmarcada de novo no noso proxecto “Vixías dos nosos ríos”. Esta pequena ruta centrarase na búsqueda de impactos e ameazas ao curso fluvial, e na recollida do lixo que atopemos na contorna. Como vimos facendo nas últimas saídas, trataremos de valorar o bosque de ribeira e xeolocalizar manchas de especies exóticas invasoras.
O río Brexa destaca na comarca pola súa biodiversidade. Na súa contorna abundan os anfibios, entre os que destaca a presenza da salamántiga galega (Chioglossa lusitanica), un marabilloso endemismo do noroeste da península ibérica, moi sensible e ameazado polas alteracións no seu medio. Esta e outras moitas especies son preservadas en gran parte grazas ao traballo de Asociacións de Custodia do Territorio como a Asociación Brexa, que leva anos traballando na recuperación do bosque autóctono na contorna do río mediante accións de voluntariado e plantacións de especies autóctonas.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo 22 de setembro do 2024, de 10:30h a 13:30h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Esta ruta encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.
Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org│639 13 16 88
Agardámoste!

Leave A Comment