A primeira xornada de Hábitat Protexe foi todo un éxito. Moitas grazas ás máis de 50 persoas que se animaron a colaborar a mañá do domingo, 31 de marzo do 2019, e vir ata á Ría do Burgo a aprender de aves con Santiago e Óscar Vázquez Cásas. Foron unhas 40 especies as que quedaron reflectidas nos nosos cadernos de campo (biluricos, mazaricos, gaivotas, andoriñas, entre outras) e tamén moitas curiosidades, coma que temos un cisne bravo turista (Cygnus cygnus), que ven dende moi lonxe ou unha becacina (Gallinago gallinago), especie que é rara de ver polo día.

Coa achega económica pola asistencia, todas estas persoas colaboraron co traballo de custodia que fai a Fundación Fragas do Mandeo día a día para que todos nós poidamos gozar do bosque de ribeira que protexe ó río Mandeo. O recadado polos non socios irá destinado integramente a esta entidade de custodia que lle permitirá adquirir case 1000 m2 de bosque autóctono e que será conservado a partir dese momento.

Animádevos tamén a participar coa Fundación Fragas do Mandeo nas xornadas de voluntariado ambiental, colaborando así dunha forma máis activa.

Vémonos na seguinte xornada de Hábitat Protexe!!