O lixo mariño constitúe un dos principais problemas ambientais que afectan aos ecosistemas costeiros, con importantes consecuencias negativas sobre a biodiversidade e a calidade ambiental do litoral.

Por iso, o vindeiro 24 de marzo celebraremos outra xornada de recollida e caracterización de lixo mariño na praia de Santa Cristina (Oleiros), na que, ademais de retirar residuos, analizaremos a súa tipoloxía e orixe para comprender mellor este problema e contribuír á súa prevención.

A actividade desenvolverase coa participación de persoas migrantes da organización Ecos do Sur, promovendo tamén o intercambio de experiencias e a sensibilización ambiental desde unha perspectiva inclusiva e comunitaria a través do voluntariado.

Esta acción forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia.