O proxecto Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025, impulsado polo Grupo Naturalista Hábitat co apoio do GALP Golfo Ártabro Sur, a Unión Europea e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, pecha a súa campaña deste ano 2025 cun balance moi positivo de participación e resultados.

Ao longo dos últimos meses desenvolvéronse diversas actividades de estudo, conservación e divulgación centradas no medio mariño e costeiro do territorio GALP Golfo Ártabro Sur. Entre elas, destacaron as xornadas interventivas en campo, como a retirada de flora exótica invasora (Carpobrotus sp.) nas dunas do Areal de Alba (Arteixo) e a recollida de lixo mariño na Praia do Regueiro (Bergondo), nas que colaborou o alumnado de 1º da ESO de Compañía de María (A Coruña) e do CPI Cruz do Sar (Bergondo), respectivamente.

Dentro das actividades divulgativas abertas ao público, fixemos unha ruta polo Golfo Ártabro en barco de vela, para poder achegarnos máis de perto á biodiversidade que alberga, así como unha visita ao intermareal para observar multitude de especies mariñas, apenas mollando os pés nas pozas de marea do litoral rochoso de Bastiagueiro (Oleiros).

Paralelamente, traballamos na detección e cartografía das especies exóticas invasoras que ameazan o litoral do Golfo Ártabro Sur, co obxectivo de xerar información útil para a súa xestión e control.

Con todas estas accións, o proxecto pretende achegar a cidadanía á conservación do medio mariño e costeiro, fomentando a participación activa e o compromiso ambiental. Desde o Grupo Naturalista Hábitat agradecemos a todas as persoas e entidades colaboradoras o seu apoio e implicación, e esperamos continuar o vindeiro ano navegando cara a novos retos pola saúde dos nosos mares.

*O proxecto estivo cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca – FEMP da Unión Europea (cun 70 % de financiamento), e pola Xunta de Galicia (30 % restante), no marco da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Golfo Ártabro Sur, cunha contía total de 50.103,49 € (100 % do custo subvencionable).