Do 13 ao 21 de maio terá lugar a Semana sobre Especies Invasoras Portugal e España (SEI 2023), iniciativa promovida pola Red Portuguesa para el Estudio y Gestión de Especies Invasoras – Red InvECO, a plataforma INVASORAS.PT, os proxectos LIFE STOP Cortaderia e LIFE INVASAQUA, e o Grupo Especialista en Invasiones Biológicas, e que se leva a cabo grazas á implicación de numerosas entidades (centros de investigación, ONGs, universidades, e demais institucións públicas e privadas), que en conxunto configuran unha batería de actividades nos formatos online e presencial.
O programa 2023 (continuidade das dúas edicións precedentes nos anos anteriores – SIEI 2021 e SEI 2022, respectivamente), pretende novamente poñer o foco nunhas das principais causas de perda de biodiversidade a nivel mundial, e tamén con fortes impactos no sector socioeconómico: as especies exóticas invasoras.
Tódalas actividades organizadas polas institucións participantes na SEI 2023 (conferencias, andainas, xornadas de voluntariado e moitas outras tipoloxías de acción) poden consultarse a través da web oficial, para quen desexe afondar nesta proposta.
E por terceriro ano consecutivo, dende Hábitat sumámonos a esta ambiciosa iniciativa coa programación dunha conferencia, na que resumiremos os cinco anos de esforzos investidos (2018-2022) no Espazo Natural de Interese Local – ENIL Torre de Hércules, dirixidos á eliminación e control das especies exóticas invasoras (principalmente do Carpobrotus sp., coñecida como “Uña de gato” ou “Herba do coitelo”). Faremos un novo repaso á orixe deste proxecto (establecido no marco do programa “Custodia do Territorio e Voluntariado” acordado entre a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña e o G.N.Hábitat), aos seus obxectivos, a metoloxía aplicada e as actividades desenvolvidas, actualizando así mesmo os resultados obtidos ao longo das campañas 2018-2022, con indicación das tarefas pendentes para a recuperación deste espazo e as liñas de traballo colaborativo que se foron abrindo coa comunidade universitaria. Todo grazas ás tarefas levadas a cabo da man do voluntariado ambiental, imprescindible para acadar os obxectivos previstos.
O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o vindeiro luns 15 de maio, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-. Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Agradécese a asistencia do público de xeito presencial. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.
Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Agardámoste!
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment