Seguro que todos nós temos algunha desas experiencias que pola súa trascendencia, ou pola pegada que nos deixaron, nos sentimos incapaces de poder transmitir con tódolos seus matices e intensidade unha vez que as contamos e compartimos. A explicación é doada: hai cousas que, simplemente, hai que vivilas. E algo disto acontece nesta historia.

Aló polo ano 2022 dende o Grupo Naturalista Hábitat recibimos o convite a participar nun proxecto cuxo obxectivo era simple: configurar un espazo verde destinado ao uso público. Poucas palabras que na realidade resumían un enorme reto, e toda unha oportunidade para resaltar o valor do patrimonio natural e da biodiversidade nas contornas urbanas. Acertadamente Hábitat dixo si, e hoxe día non podemos estar máis agradecidos.

A parroquia de Dorneda no veciño concello de Oleiros, máis concretamente no espazo que delimitan as rúas do Mar e da Poza, moi preto da praia do Naval, sería o lugar de intervención (ver localización en google maps). Por suposto, non estabamos sós, todo o contrario. Sumaríamonos dende o primeiro momento a un magnífico equipo multidisciplinar de expertos en xardinería, paisaxismo e construcción, composto por persoal de Trébore xardinería, Orza Paisaxismo e J.Esmoris e Hijos, S.L., ao que se engadiu a forte implicación da propia promotora en todo o proceso. Entre todos, cun gran esforzo colectivo non exento de complexidades, mais sempre na procura de acordos para atopar o equilibrio, foise configurando un espazo singular e harmónico que consideramos destaca pola simbiose entre a perspectiva social (incorporando espazos flexibles para atender á variedade de usos e de usuarios), medioambiental (con numerosas actuacións dirixidas á conservación e o fomento da fauna e flora silvestres, e da conectividade ecolóxica) e de xestión (respectando os elementos patrimoniais e procurando un mantemento sostible con custos reducidos).

Como nos lembra a propia cartelería instalada na contorna, compre ter presente que máis da metade da poboación mundial vive actualmente nas cidades, e esta tendencia vai en aumento. Neste contexto, acadar un desenvolvemento sostible nas contornas urbanas precisa de actuacións que atendan aos beneficios que reporta a conexión coa natureza. Así mesmo, os espazos verdes, ademais de lugares para o lecer poden ter un impacto positivo na saúde e no benestar, axudando -entre outras- a aliviar os efectos do cambio climático, amortiguando o ruido ambiental, filtrando contaminantes que causan doenzas respiratorias e mesmo diminuíndo o noso estrés. Como non ter en conta esta realidade!

 

E pouco a pouco fomos xogando coa funcionalidade e a conexión entre os diferentes ambientes e hábitats que ían collendo forma. Charcas, sebes arbustivas pluriespecíficas, praderías, bosques mixtos e macizos multiflorais, combináronse con espazos de intervención cultural, elementos patrimoniais e demais recursos, conformando un ecosistema que atendería á diversidade de intereses e visitantes. Cada iniciativa levada a cabo foi prevista baixo criterios de sostibilidade e cohesión social, dende o solo ata as copas das árbores, pasando polos camiños que comunican as diferentes estancias, e mesmo na selección dos materiais a empregar. Así, multitude de refuxios e caixas niño distribuíronse na procura dunha rica biodiversidade; pavimentos permeables reducirán a escorrentía e recollerán as aguas que, paseniño, alimentarán pozas aproveitables pola fauna e flora silvestres; e unha escolma de árbores, arbustos e herbáceas vestirán de cores, flores e froitos a contorna, fornecendo acubillo e alimento a numerosas especies, sen descoidar a súa función paisaxística.

Mais non te quedes soamente nesta lectura. Achégate e descúbreo!

Un recuncho de lecer e de natureza. Un espazo de tod@s e para tod@s.