O vindeiro xoves, 26 de outubro, da man da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade da Coruña, realizaremos un novo taller de montaxe de caixas niño e refuxios de fauna, no marco do seu programa “IX Outubro UDC Saudable”. A xornada terá por obxectivo dar a coñecer a importancia destas estruturas elaboradas a prol da natureza, que posibilitan un espazo de acubillo e cría para diferentes especies animais. Estes elementos, correctamente elaborados, instalados e mantidos, poden axudar a suplir a escaseza de refuxios naturais, facilitar a posta en marcha de estudos científicos, ao tempo que permitir o establecemento de certas especies beneficiosas (fauna útil) nun espazo determinado, optimizando a biodiversidade da contorna.
En vista de que a previsión meteorolóxica non permite garantir unhas condicións axeitadas para o desenvolvemento da actividade en campo, o obradoiro se celebrará nun espazo interior pendente de definir pola organización: ben nunha aula da Universidade da Coruña (segundo dispoñibilidade), ou ben no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). O espazo finalmente escollido será debidamente informado vía email aos participantes inscritos na actividade, debendo estar pendentes de calquera notificación/actualización respecto do punto de encontro para o desenvolvemento do taller.
A actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar de 16 a 18h. Para a participación na actividade é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat, a través do correo electrónico achegado na inscrición.
A xornada establece un recoñecemento de créditos para estudantes de grao da UDC: 2h (1c por cada 10h de participación en actividades da OMA).
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios: inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment