Temos unha fin de semana sen cegueira vexetal. O sábado, 3 de xuño, ademais de celebrar a xornada da Especie do ano 2023 na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, tamén temos un Obradoiro de ilustración botánica. Sandra Robles visítanos desde Madrid para darnos un curso sobre o debuxo da nosa flora, o 3 de xuño do 2023 de 18 a 20h no noso Local Social

Sandra Robles López é doutora en bioloxía e investigadora en paleoecoloxía de plantas pola Universidade Autónoma de Madrid- (Instituto de Historia) CSIC. A súa traxectoria científica inclúe o estudo da flora actual de visu así como os restos fósiles de paleoflora (pole e macrorrestos vexetais). Ademais dos seus estudos é divulgadora científica e educadora ambiental, comunicando a importancia da ciencia e o medio ambiente a todos os públicos por varios medios de comunicación. E, por último, destacar que se formou como ilustradora botánica autodidacta, co fin de amplificar a súa labor divulgativa e coñecemento científico, obtendo varios premios en concursos nacionais e internacionais, e tamén no noso Certame de Debuxo, obtendo o primeiro premio co seu debuxo dun Toxo no ano 2020, no VIII Certame de Debuxo da Natureza Vida silvestre do encoro de Cecebre “Natureza Viaxeira”.

Esta xornada está dirixida a todas aquelas persoas apaixonadas da ilustración de flora autóctona e que queiran aportar máis no coñecemento das técnicas do debuxo científico.  Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado. As prazas son limitadas. Ao rematar o Obradoiro entregarase un certificado de asistencia e aproveitamento co número de horas prácticas recibidas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. 

Tes ata o xoves, 2 de xuño do 2023, ás 14h para inscribirte!!

 

Este taller ten un custo de:

  • Socios/as G.N. Hábitat: 10 €
  • Non socios/as G.N.H.: 15 €

Anotádevos esta actividade porque ven xenial para o Certame de debuxo!! Lembrade que xa está aberto o prazo! Tedes ata o 30 de xuño para presentar os vosos debuxos!