O vindeiro martes, 7 de xullo de 2026, de 10:30 a 13:00h, celebraremos un novo Obradoiro Ambiental dedicado á análise de egagrópilas, unha actividade práctica coa que contribuiremos a aumentar o coñecemento sobre as nosas rapinas nocturnas e os micromamíferos dos que se alimentan.

Durante a xornada, as persoas participantes aprenderán que son as egagrópilas, como se analizan e que información poden achegar sobre a dieta das aves rapaces nocturnas. Ademais, colaborarán na análise das mostras que os socios, socias e persoas colaboradoras do Proxecto Noucho nos foron facendo chegar desde distintos puntos de Galicia, contribuíndo así a este proxecto de ciencia cidadá.

Cada egagrópila pode proporcionar información moi valiosa sobre as especies presentes nun territorio, polo que este traballo resulta fundamental tanto para coñecer mellor as rapinas nocturnas como para ampliar o coñecemento dos micromamíferos galegos.

E lembra, se coñeces algún lugar onde aparezan egagrópilas, non dubides en poñerte en contacto connosco. A túa colaboración pode ser de gran utilidade para o Proxecto Noucho.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o martes, 7 de xullo do 2026, de 10:30h a 13h, no local social do Grupo Naturalista Hábitat. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Esta actividade está subvencionada por Deputación da Coruña integrada no Programa de accións ambientais 2026.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014