Un percorrido polo traballo do G.N. Hábitat na recuperación e difusión da nomenclatura en galego da nosa flora e fauna.
No Grupo Naturalista Hábitat sabemos que nomear é unha forma de coñecer, de facer propio o que nos rodea e de achegalo á xente. Por iso, desde hai anos vimos prestando especial atención aos nomes galegos das especies de flora e fauna, tanto recollendo nomes populares no campo como colaborando con proxectos e publicacións especializadas.
Listas e materiais de referencia
Esta liña de traballo levounos a participar en diversas iniciativas, como a elaboración de listas de nomes comúns en galego:
🐞 Libélulas: Ver documento
🧘 Bolboretas: Ver documento
🦜 Aves: Ver documento
Actividades divulgativas
Tamén puxemos o foco na divulgación destes nomes a través do ciclo “Falando de natureza”, con charlas como:
- Poñendo nomes en galego ás aves do mundo: o proxecto A Chave, con Silverio Cerradelo (20 de maio de 2024).
- Quod vulgus vocat: media vida recollendo nomes galegos de aves, con Xosé Manuel Penas Patiño (18 de setembro de 2024).
Ademais, formamos parte da revisión dos nomes galegos na prestixiosa guía Aves de Europa – Identificación de todas las especies y plumajes, de Van Duivendijk & Guyt (2024, Lynx Nature Books).
Un paso máis: colaboración con A Chave
Desde hai tempo colaboramos co proxecto A Chave (www.achave.gal), impulsado por Silverio Cerradelo, unha iniciativa centrada en dar nome en galego aos seres vivos que nos rodean. Esta colaboración discretamente continua dá hoxe un paso moi especial: no Día das Letras Galegas 2025, temos a ledicia de anunciar oficialmente esta alianza.
Como primeiro froito conxunto, presentamos a publicación:
📖 Os nomes galegos dos insectívoros, preguizas e colugos Descargar PDF
Mirando ao futuro
Desde o Grupo Naturalista Hábitat seguiremos traballando man a man con A Chave para ampliar estas listas e darlles vida na nosa lingua. Porque nomear en galego é unha forma de coidar a natureza que nos é propia, poñendo en valor tanto o noso patrimonio natural como o lingüístico.
Esta é unha aposta pola biodiversidade… e pola diversidade das palabras que a explican.

Leave A Comment