O vindeiro mércores, convidámoste a facer unha longa viaxe nunha nova xornada “Falando de natureza”. Achegarémos á singularidade faunística de Madagascar, cuxa enorme diversidade biolóxica, supervivente de épocas remotas, se atopa gravemente ameazada. Unha visita á natureza desta enigmática illa, que chega como resultado dunha expedición científica realizada no marco dun proxecto de investigación na procura de novas especies de anfibios e réptiles. E que mellor guía para esta viaxe que ir da man dun dos seus protagonistas:
Pedro Galán Regalado. Doutor en Bioloxía, membro do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva -GIBE- e profesor titular da Área de Zooloxía na Universidade da Coruña. Científico de amplo espectro, especializado no eido da herpetofauna (estudo dos anfibios e réptiles), ao cal contribúe amplamente grazas ás súas numerosas investigacións, publicacións e participación en institucións científicas.
O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o mércores 29 de marzo, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-. Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Agradécese a asistencia do público de xeito presencial, xa que teremos a oportunidade de ter en persoa connosco ao relator. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.
Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Agardámoste!
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment