Este domingo, 20 de decembro do 2020, gozaremos dunha nova xornada Falando de natureza e nesta ocasión, falaremos de Levantando piedras unha páxina creada no 2018 por tres naturalistas e entusiastas do mundo da herpetoloxía para divulgar o que máis lle apaixona, a natureza. Os creadores desta iniciativa son:

  • Ismael Espasandín: Graduado en Bioloxía pola Universidade de A Coruña. Actualmente traballa no Aquarium Finisterrae, pero dedica moitas horas e gran parte do seu tempo ao estudo dos anfibios e réptiles. Apoiándose na fotografía trata de dar a coñecer á xente este grupo de animais que tanto rexeitamento sofren, mostrándolles os seres fascinantes que son e que debemos protexer.
  • David Dopereiro: Graduado en Bioloxía e especializado en Biodiversidade Terrestre. Traballa como consultor ambiental na área das enerxías renovables. É un apaixonado da biodiversidade e entende a herpetoloxía coma un estilo de vida. Interésalle as liñas de investigación centradas na dinámica de poboacións e modelización preditiva.
  • Miguel Puras: Mestre de Educación Primaria e Psicopedagogo. Exerce como mestre nunha escola pública de Cambados e compaxina o seu traballo coa paixón pola natureza, a súa conservación e a divulgación, especialmente en todo o referido aos hérpetos. Actualmente está involucrado en varios proxectos con particulares e algunha asociación para a mellora de hábitats de diversos anfibios, así como intentando deter algún proxecto eólico e de minaría.

Con eles falaremos de como xurdiu esta páxina, como empregan a fotografía como ferramenta de sensibilización ambiental e como un acto tan común nos herpetólogos, como é o de levantar pedras levou a estes tres naturalistas a meterse de cheo nun proxecto de divulgación nas redes sociais. 

A emisión deste faladoiro, moderado pola bióloga e membro de Hábitat, Elia Pérez Taboada, será en directo o domingo, 20 de decembro, ás 19h.  

Se estás interesado en participar como público, poderás conectar libremente a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito a través delas. Rematado o faladoiro, o moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Agardámoste!